O BNG pide que Narón apoie a folga xeral do 11-N e reclame medidas ante a crise da vivenda

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Narón rexistrou unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno municipal na que solicita que o Concello apoie expresamente a folga xeral convocada para o 11 de novembro baixo o lema 'Galiza en loita por unha vida digna e polo dereito á vivenda'.
A iniciativa, defendida pola portavoz municipal nacionalista, Olaia Ledo Díaz, pon o foco na perda de poder adquisitivo das familias e nas dificultades para acceder a unha vivenda. Segundo expón o BNG, o encarecemento de produtos básicos e servizos esenciais, como a alimentación, os carburantes e a electricidade, contrasta co estancamento dos salarios e das pensións.
A formación sinala que os prezos da alimentación acumulan un incremento do 35% e considera que esta situación está a prexudicar as economías domésticas, as persoas autónomas e o comercio local.
Medidas para facilitar o acceso á vivenda
A moción presta especial atención á emerxencia habitacional. O BNG atribúe parte das dificultades de acceso á vivenda á especulación e ao aumento das vivendas turísticas, que, ao seu xuízo, están a expulsar a veciñanza do mercado residencial.
Por iso, a formación nacionalista propón que o Concello reclame á Xunta e ao Goberno do Estado a declaración de Narón como zona de mercado residencial tensionado, co obxectivo de poder limitar os prezos dos alugueiros. Tamén pide unha regulación máis estrita das vivendas turísticas e a creación dun parque público de vivenda accesible mediante a mobilización de inmobles baleiros e recursos da SAREB.
Intervir nos prezos dos produtos básicos
A proposta inclúe, ademais, unha petición para que as administracións competentes adopten medidas efectivas sobre os prezos dos bens básicos e da enerxía. O obxectivo, segundo o BNG, é frear a inflación, protexer o poder adquisitivo das familias naronesas e garantir unhas condicións de vida dignas.
A moción será sometida a debate no Pleno municipal, onde o grupo nacionalista busca o apoio da Corporación á convocatoria de folga e ás medidas que reclama fronte á crise socioeconómica e habitacional.