O BNG presentará en Caranza a candidatura de Món Fernández á Alcaldía de Ferrol

FerrolXa
O acto celebrarase o 8 de outubro no Centro Cívico de Caranza coa participación de Ana Pontón, Iván Rivas e Mariña Bello
FERROL bng mon fernandez e ana ponton
30 Sep 2026

O BNG de Ferrol celebrará o vindeiro 8 de outubro un acto público para presentar a candidatura de Món Fernández á Alcaldía de Ferrol de cara ás próximas eleccións municipais, previstas para maio.

O encontro terá lugar ás 20.00 horas no Centro Cívico de Caranza e contará coa participación da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, así como do actual portavoz municipal da formación, Iván Rivas, e de Mariña Bello.

Durante o acto, Món Fernández dará a coñecer a súa candidatura e as principais liñas do proxecto que o BNG pretende desenvolver na cidade.

Desde a formación nacionalista defenden a necesidade de que Ferrol conte cunha 'voz propia', centrada, segundo sinalan, na defensa dos intereses da cidade. O BNG sitúa tamén entre os seus obxectivos recuperar o papel de Ferrol como cabeceira da comarca.

A formación considera que a cidade precisa un cambio e aposta por situar no centro da política municipal as persoas e as entidades que desenvolven a súa actividade diaria en Ferrol.

O BNG fai un chamamento á veciñanza para asistir ao acto e coñecer tanto a Món Fernández como o proxecto que a formación presentará de cara ás próximas eleccións municipais.

0.12823605537415