O BNG reclama á Xunta que acelere o soterramento da liña de alta tensión de Caranza tras 25 anos de espera

O deputado do BNG e candidato á Alcaldía de Ferrol, Mon Fernández, reclamará este venres, 18 de setembro, no Parlamento de Galiza que a Xunta impulse con urxencia o soterramento da liña de alta tensión de 132 kV que percorre o litoral de Caranza, unha actuación que leva máis de 25 anos pendente.
A formación nacionalista considera necesario desbloquear definitivamente o proxecto, especialmente pola localización do tendido, que atravesa unha zona residencial e de lecer con elevada afluencia de veciñanza e visitantes. A liña une as subestacións de Cornido, en Narón, e Navantia, en Ferrol, e discorre por este tramo do litoral ferrolán.
'Falamos dunha actuación pendente desde hai máis de 25 anos. Non é razoábel que unha liña de alta tensión continúe sobrevoando unha das zonas máis concorridas de Caranza', sinala Fernández.
O deputado lembra que o propio proxecto de rehabilitación do litoral xa sinalaba a necesidade de eliminar os tendidos aéreos e soterrar a liña debido ao risco asociado á súa presenza nunha contorna cun uso intenso.
Seguridade e impacto paisaxístico
O BNG pon o foco especialmente na seguridade, ao considerar que as torres e os cables se atopan nunha zona de elevada densidade urbana e próxima a espazos utilizados diariamente pola cidadanía, como a praia, os paseos e outras áreas de lecer.
A situación tamén afecta unha contorna frecuentada por visitantes e peregrinos, polo que, segundo a formación nacionalista, a presenza da infraestrutura contribúe a xerar unha percepción de risco e incerteza entre a veciñanza e condiciona o uso deste espazo do litoral.
Á cuestión da seguridade súmase o impacto visual dos postes e do tendido eléctrico. Para o BNG, o soterramento permitiría mellorar a integración da infraestrutura no ámbito urbano e facilitar futuras actuacións de recuperación e reordenación do litoral de Caranza.
A Xunta deberá actuar ante as empresas eléctricas
A iniciativa que defenderá Fernández insta o Goberno galego a intervir diante das empresas eléctricas responsables para impulsar a tramitación necesaria para soterrar a liña.
O deputado nacionalista reprocha á Xunta a súa falta de implicación nunha actuación que leva décadas sobre a mesa e que, ao seu xuízo, debería ter avanzado xa cara a unha solución definitiva.
A proposta tamén reclama que o proceso se desenvolva de acordo coa normativa ambiental e paisaxística e que se garanta a participación pública. Neste sentido, o BNG pide que se consulte previamente aos concellos de Ferrol e Narón e á veciñanza afectada.
'Queremos que esta iniciativa sirva para desbloquear definitivamente o proxecto e dar resposta a unha demanda histórica de Caranza. E queremos que se faga de xeito transparente, contando con todas as persoas afectadas', conclúe Mon Fernández.