O BNG reclama obras na DP-0403 para mellorar a conexión entre Cervás e O Baño

O BNG de Ares e o BNG de Mugardos reclamarán á Deputación da Coruña a execución das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP-0403, que comunica as localidades de Cervás e O Baño. Para iso, os dous grupos municipais presentarán mocións nos seus respectivos concellos co obxectivo de instar á administración provincial a avanzar na actuación.
Segundo denuncian ambas as formacións, a vía presenta problemas derivados da súa estreiteza, das limitacións do trazado e da ausencia de beiravías e beirarrúas. Unhas condicións que, ao seu xuízo, dificultan a circulación e comprometen a seguridade viaria, ademais de afectar á mobilidade diaria da veciñanza e á conexión entre os dous municipios.
Piden concretar os prazos das obras
Os nacionalistas lembran que a Deputación xa estaba a redactar o proxecto técnico da actuación en 2025. Por iso, consideran que agora é necesario avanzar na tramitación e pasar dos plans á execución dos traballos.
As mocións solicitarán que se leven a cabo as obras coa correspondente dotación económica, así como que se estableza un calendario concreto para a súa realización. Tamén reclamarán información actualizada sobre o estado do proxecto, o orzamento previsto e os prazos que se manexan para a licitación e o inicio dos traballos.
O BNG de Ares e Mugardos defende que a mellora da DP-0403 é necesaria para reforzar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos entre ambos os municipios. As formacións consideran que a estrada precisa unha intervención que permita adaptala ás necesidades de mobilidade da veciñanza