O BNG reclama que Ortigueira regule dunha vez o turismo de autocaravanas tras dous anos de espera

O BNG de Ortigueira volve poñer o foco na situación das autocaravanas e campers no municipio durante o verán. A formación nacionalista reclama ao Goberno local do PP que avance na regulación deste tipo de turismo e lembra que o Pleno aprobou por unanimidade en setembro de 2024 unha proposta para elaborar unha ordenanza específica.
Segundo denuncia agora o BNG, dous anos despois daquela aprobación a regulación continúa pendente. A formación considera que o aumento da presenza de vehículos de turismo itinerante en diferentes puntos do municipio, especialmente nas zonas de maior atractivo natural, fai necesario contar cunha planificación clara.
Os nacionalistas aseguran que non cuestionan o turismo en autocaravana, senón a falta de organización e de servizos. Na súa opinión, a ausencia dunha regulación pode provocar problemas de convivencia, presión sobre os espazos públicos e impactos nas zonas naturais máis sensibles.
A moción aprobada en 2024 propoñía precisamente redactar unha ordenanza municipal que regulase o estacionamento e a pernocta de autocaravanas, campers e caravanas no termo municipal. O acordo tamén incluía actuar sobre a área de autocaravanas de Loiba e estudar a creación doutras zonas específicas.
Estas áreas, segundo a proposta aprobada, deberían contar con servizos básicos como subministración de auga potable, sistemas para a evacuación de augas grises e negras e recollida de residuos.
Naquel momento, o BNG defendía que a regulación permitiría compatibilizar o crecemento do turismo itinerante coa protección do territorio e a convivencia coa veciñanza. A formación tamén sinalaba que este tipo de visitantes pode xerar actividade económica no comercio e na hostalaría local.
As demandas do BNG
Ante a situación actual, o grupo nacionalista volve reclamar unha ordenanza municipal clara, a creación de áreas específicas equipadas con servizos e unha maior protección dos espazos naturais.
Tamén pide incrementar a vixilancia e o control e realizar un estudo sobre a capacidade de carga turística do municipio para determinar que nivel de afluencia pode asumir cada zona sen xerar impactos excesivos.
O BNG considera que Ortigueira debe apostar por un modelo turístico capaz de atraer visitantes e actividade económica, pero que ao mesmo tempo garanta a protección do territorio e a calidade de vida da veciñanza.
A formación lembra que a proposta presentada en 2024 fora aprobada por unanimidade e cuestiona que, dous anos despois, siga sen materializarse unha regulación que o propio Pleno considerou necesaria.