O BNG reclama unha compensación económica a Defensa polos terreos que ocupa en Ferrol

FerrolXa
Manuel Polo defenderá no Congreso que o Ministerio contribúa ás arcas municipais polas propiedades que mantén na cidade, que representan arredor do 20% do espazo urbano
FERROL bng ferrol
23 Nov 2026

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Manuel Polo, comprometeuse este luns a reclamar no Congreso unha compensación económica para Ferrol polos terreos que ocupa o Ministerio de Defensa na cidade. A formación nacionalista considera que a exención do pagamento de impostos municipais por estas propiedades supón unha limitación para os ingresos do Concello.

Polo, acompañado polo candidato á Alcaldía de Ferrol, Mon Fernández, defendeu que Defensa debe contribuír economicamente ao municipio polos terreos que mantén na cidade, ao non aboar impostos como o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI). Segundo o BNG, as instalacións militares ocupan aproximadamente o 20% do espazo urbano de Ferrol.

O candidato sostivo que esta situación condiciona a economía municipal e o desenvolvemento urbanístico da cidade, polo que reclamou unha fórmula que permita compensar Ferrol pola presenza destas propiedades.

Pola súa banda, Mon Fernández referiuse ao proxecto de derrubamento da muralla dentro da iniciativa 'Abrir Ferrol ao mar'. O BNG asegurou que sempre defendeu a desaparición deste elemento, aínda que propón unha actuación máis ambiciosa que permita incorporar á trama urbana algunhas das construcións existentes ou espazos como o coñecido 'Porto Chico'.

A formación nacionalista tamén reclama que os terreos e propiedades de Defensa que fosen desafectados revertan gratuitamente na Administración local para que poidan recibir un uso adecuado e manterse en condicións.

Para iso, o BNG propón impulsar unha modificación legal que permita ceder sen custo estes bens aos concellos ou ás comunidades autónomas nas que se atopen, co obxectivo de destinalos a fins de utilidade social e interese público.

Polo asegurou que o seu compromiso no Congreso será defender os intereses de Ferrol e buscar alternativas aos problemas que afectan á cidade.

0.10993099212646