O candidato de Terra Galega en Valdoviño, Juan Quintela, anuncia accións xudiciais por varios conflitos co Concello

O candidato de Terra Galega á Alcaldía de Valdoviño, Juan Quintela, deu a coñecer a situación laboral e administrativa que, segundo explica, está a vivir nos últimos meses no Concello. O funcionario anuncia que acudirá aos tribunais despois de considerar esgotada a vía administrativa en varios dos asuntos que expón.
Quintela, que leva máis de 23 anos traballando na Administración local de Valdoviño, explica que hai uns meses decidiu presentar a súa candidatura á Alcaldía para as eleccións municipais de 2027. Segundo sinala, fíxoo coa intención de defender un proxecto 'renovado, próximo e transparente' para o municipio.
No seu relato, o candidato asegura que a súa situación laboral cambiou posteriormente. Afirma que se formulou a posible apertura dun expediente disciplinario por un erro producido durante a tramitación habitual de expedientes. Segundo a súa versión, tras analizarse o sucedido e revisarse mesmo as cámaras de seguridade, finalmente se lle comunicou que non existira ningunha actuación irregular pola súa parte e que o asunto quedaba arquivado.
Traslado á Casa da Cultura
O funcionario asegura que, posteriormente, tras reincorporarse dun permiso, recibiu a comunicación de que xa non podía continuar no seu posto habitual e que debía trasladarse á Casa da Cultura.
Quintela considera que esta decisión non se axustou ao procedemento que correspondía e asegura que a recorreu pola vía administrativa. Segundo explica, ese procedemento xa rematou e agora será a vía xudicial a que determine o que corresponda.
Ademais, afirma que se lle retiraron ferramentas, permisos e accesos que considera necesarios para desenvolver o seu traballo con normalidade.
Solicitudes de información sobre a xestión municipal
O candidato tamén sitúa parte do conflito nas solicitudes de información pública que presentou como veciño e cidadán. Entre os asuntos polos que asegura ter pedido documentación están as dietas, os gastos de quilometraxe, os teléfonos móbiles adquiridos polo Concello, diferentes convenios urbanísticos e a situación do camping municipal.
Precisamente este último asunto ocupa unha parte destacada da súa intervención. Quintela explica que en varios plenos se puxeron en cuestión os pagamentos das cotas correspondentes por parte da empresa concesionaria do camping. Por este motivo, asegura que solicitou documentación para coñecer cal é a situación actual, pero que as súas solicitudes foron consideradas polo Concello como non conformes a dereito.
Quintela vincula a situación coa súa candidatura
Na súa intervención, o candidato de Terra Galega relaciona a situación que describe coa súa decisión de presentarse ás eleccións municipais de 2027, aínda que evita falar dun enfrontamento persoal co Goberno local.
Quintela asegura que non busca 'enfrontamentos persoais'', senón que se respecten os seus dereitos como funcionario, veciño e candidato. A pesar da situación descrita, Quintela asegura que manterá o seu compromiso con Valdoviño e coa candidatura coa que pretende concorrer ás eleccións de 2027.