O centro de saúde de Cabanas contará con reforzos de persoal sanitario durante agosto

O Centro de Saúde de Cabanas contará durante o mes de agosto con reforzos no seu cadro de persoal co obxectivo de facer fronte ao incremento da demanda asistencial propio da época estival. Así o informou o Concello, que sinala que estas medidas serán aplicadas polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) tras as xestións realizadas.
No servizo de enfermaría incorporarase un profesional a xornada completa os luns, mércores e venres durante todo o mes de agosto. Segundo explica o Concello, este reforzo permitirá facilitar as rotacións do persoal e manter os dous efectivos habituais nesas xornadas.
No que respecta á atención médica, o SERGAS ten previstos reforzos de dous facultativos os días 13 e 20 de agosto, mediante a modalidade de extensión de xornada, aos que se sumará outro médico a xornada completa o día 28. Ademais, o Concello indica que continúan pendentes de confirmación novas xornadas de reforzo.
Desde a administración local lembran que o verán supón unha maior presión para os servizos sanitarios debido ao incremento da poboación que rexistra o municipio durante estas datas, ao coincidir co período de vacacións do persoal sanitario. Neste contexto, consideran que estes reforzos contribuirán a minimizar o impacto na atención á veciñanza e ás persoas que visitan Cabanas durante os meses de verán.