O ciclismo de montaña gaña impulso cun novo convenio de apoio ao club MTB Biela e Chaveta

O Concello de San Sadurniño renovou o convenio anual de colaboración co Club MTB Biela e Chaveta, un acordo que permitirá seguir impulsando durante este ano distintas actividades vinculadas ao ciclismo e á promoción dos hábitos de vida saudables.
O convenio foi asinado polo alcalde, Secundino García Casal, e o presidente da entidade, José Manuel Barro López, en presenza doutros representantes do club e do concelleiro de Deportes, Manel Martínez. O acordo contempla unha achega municipal de 2.000 euros, que se destinará ao financiamento das diferentes iniciativas deportivas organizadas pola entidade.
Entre as actividades incluídas figuran a ruta cicloturista en familia, a proba multideportiva 'Entre corredoiras, toxos e xestas', a Ruta dos Castelos, a ruta nocturna en bicicleta de montaña e a colaboración coa carreira popular de San Sadurniño, na que o club participa na apertura e peche das probas.
A próxima cita do calendario será a IV Cronoescalada Sanrockeira, que se disputará o venres 7 de agosto entre o campo da festa de Naraío e Quintiá. A competición manterá o seu percorrido de 3,2 quilómetros, cun desnivel positivo de 468 metros, e nesta edición incorporará como novidade unha modalidade de subida a pé polo mesmo trazado da proba ciclista.
A saída da carreira a pé está prevista para as 17.30 horas, mentres que a modalidade ciclista comezará ás 18.00 horas, cun formato de contrarreloxo individual.
As persoas interesadas poderán inscribirse ata o martes 4 de agosto ás 14.00 horas. A organización estableceu un máximo de 100 participantes para cada modalidade e unha cota de inscrición de 5 euros por disciplina.
Ademais da colaboración económica, o convenio recolle o compromiso do club de promover o uso da lingua galega, fomentar a igualdade e a inclusión e colaborar nas campañas municipais de sensibilización contra a violencia de xénero, así como dar visibilidade ao Concello de San Sadurniño e ao Xeoparque do Cabo Ortegal na difusión das súas actividades.