O CIM Móbil da Xunta atenderá as mulleres de Mañón este xoves

As mulleres de Mañón terán este xoves, 12 de novembro, a oportunidade de acceder aos recursos especializados do CIM Móbil da provincia da Coruña, que se desprazará ao municipio entre as 10:00 e as 13:30 horas. Trátase dun servizo impulsado pola Xunta de Galicia para facilitar que as mulleres do rural poidan recibir atención e asesoramento especializado sen ter que desprazarse a outras localidades.
O recurso ofrece atención psicolóxica, con apoio emocional e orientación profesional ante situacións de violencia de xénero ou malestar; asesoramento xurídico sobre dereitos, ordes de protección e recursos legais; e orientación social, así como acompañamento e derivación aos servizos sociais ou a outros recursos comunitarios.
Ademais da atención individual, o CIM Móbil desenvolve labores de sensibilización e prevención mediante charlas e actividades en concellos e centros educativos, co obxectivo de fomentar a igualdade.
As persoas interesadas en acudir deberán poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello de Mañón para concertar a atención. Poden facelo a través do correo electrónico servizos.sociais@manon.es ou no teléfono 981 41 40 02.