O Concello de Cabanas continúa cos traballos de roza e mantemento da rede viaria en diferentes parroquias

O Concello de Cabanas continúa avanzando no plan de roza e mantemento da rede viaria municipal co obxectivo de mellorar a seguridade e a visibilidade nas estradas e camiños do municipio.
Durante os últimos días, o tractor rozador traballou nas zonas de Fonfría, San Xiá e O Pereiro, mentres que o persoal municipal realizou labores de desbroce manual en O Feal, A Torre, Os Currás e Os Chaos.
Segundo informou o Concello, a planificación prevista para a próxima semana inclúe actuacións co tractor no camiño da Naveira, Vilachá, As Barreiras, Fontenova e Relousada. Pola súa banda, os traballos manuais desenvolveranse en A Rúa e na súa contorna.
Unha vez rematadas estas intervencións, os equipos municipais desprazaranse a San Martiño de Porto para completar as tarefas que quedaron pendentes debido á avaría sufrida por un dos tractores empregados nestes labores.
O Concello destaca que estes traballos forman parte do mantemento periódico da rede viaria municipal, unha actuación destinada a conservar en boas condicións os viarios e garantir unha circulación máis segura para a veciñanza.