O Concello de Moeche alerta dun posible intento de estafa con falsas vendas en nome da administración local

FerrolXa
Os veciños advertiron da presenza de persoas que ofrecen aglomerado porta a porta asegurando estar subcontratadas polo Concello
MOECHE concello
4 Aug 2026

O Concello de Moeche emitiu un aviso á veciñanza tras detectar un posible intento de estafa relacionado coa venda porta a porta de material de aglomerado. Segundo informou a administración local, nas últimas horas recibíronse comunicacións de persoas que aseguran que varios individuos están a visitar vivendas ofrecendo suposto material sobrante e afirmando que traballan como subcontratados do Concello.

Desde o goberno municipal subliñan que o Concello non mantén ningunha relación con estas persoas nin autorizou este tipo de actuacións, polo que piden á cidadanía que actúe con cautela ante situacións deste tipo.

Entre as recomendacións difundidas figuran non abrir a porta a descoñecidos que aseguren actuar en nome da administración sen unha identificación oficial, non entregar cartos nin facilitar datos persoais e desconfiar de calquera venda que utilice o nome do Concello como reclamo.

Ademais, o Concello solicita ás persoas que vivisen unha situación semellante ou detecten novos casos que o comuniquen á administración municipal para deixar constancia dos feitos e facilitar as actuacións que poidan corresponder.

O goberno local agradece a colaboración da veciñanza e lembra a importancia de avisar sempre que se detecte calquera comportamento sospeitoso para contribuír a evitar posibles fraudes.

0.12618207931519