O Concello de Valdoviño reclama á Xunta toda a información sobre o peche temporal do cámping municipal

O Concello de Valdoviño reclamou á Xunta de Galicia toda a documentación relacionada coa clausura temporal do cámping municipal, despois de coñecer a situación a través da empresa que xestiona as instalacións e non por comunicación directa da Administración autonómica.
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, explicou durante o pleno municipal celebrado onte que o Concello tivo coñecemento do peche o martes a última hora da tarde, mediante unha chamada telefónica da UTE responsable da xestión do cámping.
Ao día seguinte, o rexedor púxose en contacto con Turismo de Galicia para coñecer os motivos da clausura. Segundo a información que lle trasladou un funcionario, a decisión estaría relacionada cunha cuestión administrativa vinculada a algunhas das novas infraestruturas que se están instalando no recinto.
Desde o Concello sinalan que, segundo a explicación recibida, o procedemento establece que a Xunta debe comunicarse co concesionario e non necesariamente co titular das instalacións. A pesar diso, Alberto González considerou que, polo menos, debería terse producido unha comunicación institucional ao Concello, ao ser o propietario do cámping municipal.
O Concello cuestiona o peche de todo o recinto
O alcalde tamén puxo en dúbida que a medida adoptada sexa a clausura completa das instalacións. Segundo explicou, a información recibida apunta a problemas administrativos relacionados con determinadas infraestruturas, polo que considera que sería preciso aclarar por que a decisión afecta ao conxunto do cámping e non exclusivamente aos elementos concretos aos que estaría vinculada a incidencia.
Neste sentido, González lembrou ademais que o recinto dispón de dúas licenzas de actividade independentes: unha correspondente ao cámping e outra para a cafetería. Por este motivo, entende que tamén debe determinarse se a situación administrativa dunha actividade ten que afectar necesariamente á outra.
O alcalde cualificou de cando menos 'estraño' o peche total do complexo tendo en conta estas circunstancias, aínda que insistiu en que o Concello aínda non dispón de toda a información necesaria para valorar o alcance da decisión.
Solicitude de expedientes e informes
Ante esta falta de información oficial, o Concello remitiu onte un escrito a Turismo de Galicia no que solicita acceso aos expedientes, informes e demais documentación que desembocaron na clausura temporal do cámping municipal.
O Goberno local considera necesario coñecer os detalles do procedemento antes de adoptar novas decisións. Alberto González subliñou tamén o impacto que esta situación pode ter sobre a imaxe turística de Valdoviño, especialmente pola repercusión que o peche dunha instalación municipal pode ter para o destino.
O Concello agardará agora pola documentación solicitada á Xunta. Unha vez analizados os informes, determinará se é necesaria a súa intervención e, nese caso, adoptará as medidas que considere oportunas para defender os intereses municipais.