O Concello de Neda denuncia novos actos vandálicos no parque infantil dos Subarreiros

FerrolXa
Os danos afectan ao pavimento amortecedor do galeón poucos días despois da súa posta a punto e o Goberno local solicita colaboración veciñal para identificar os responsables
actos-vandálicos-no-parque-infantil-dos-Subarreiros-NEDA
8 Aug 2026

O Concello denunciou un novo episodio de vandalismo no parque infantil dos Subarreiros, onde apareceron danos no pavimento amortecedor de impactos situado na zona do galeón apenas uns días despois de que este elemento fose acondicionado.

O Goberno municipal lamenta a reiteración deste tipo de incidentes nas áreas de xogo do municipio e advirte de que os estragos non só deterioran instalacións de uso público, senón que tamén poden comprometer a seguridade dos nenos e nenas que utilizan estes espazos.

Este novo episodio prodúcese pouco despois dos traballos realizados para poñer a punto o galeón dos Subarreiros. Segundo sinala o Concello, o pavimento destinado a reducir o impacto das posibles caídas presenta agora desperfectos que obrigarán a realizar novas actuacións.

Desde a administración local inciden tamén no custo económico que supón reparar de maneira reiterada os elementos deteriorados. O Concello cifra en varios miles de euros o investimento realizado recentemente en tarefas de mantemento das áreas infantís, polo que alerta de que os actos vandálicos acaban repercutindo directamente nas arcas municipais.

Ante esta situación, o Goberno local fai un chamamento á responsabilidade e ao respecto polas instalacións públicas e lembra que os parques infantís e os seus elementos están deseñados para o uso dos máis pequenos.

Finalmente, o Concello solicita a colaboración da veciñanza para tratar de identificar os responsables dos danos e evitar que se repitan este tipo de comportamentos, co obxectivo de conservar os parques en condicións adecuadas e garantir que os menores poidan utilizalos con seguridade.

0.089217901229858