O Concello ferrolán destina 97.000 euros á reforma de catro locais no mercado de Caranza

FerrolXa
A actuación permitirá recuperar catro espazos actualmente en desuso, que acollerán unha floraría, unha mercería e un establecemento de Loterías e Apostas do Estado
mercado-caranza
19 Oct 2026

A Xunta de Goberno Local aprobou adxudicar as obras contempladas no proxecto de execución da reforma dos postos exteriores números 3, 4, 5 e 6 do Mercado de Caranza á empresa Reformas Rebeva SL por un importe de 96.750,29 euros. O prazo de execución é de catro meses.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, destacou que “con esta actuación impulsamos o mercado de Caranza, recuperando locais que estaban en desuso, fomentando o emprendemento e diversificando a oferta comercial deste espazo municipal”.

O proxecto contempla o acondicionamento destes catro locais comerciais, situados na primeira planta do mercado e con acceso directo desde a vía pública á que dan fronte. Os espazos permanecen actualmente sen actividade e, unha vez rematadas as obras, está previsto que alberguen unha floraría, unha mercería e un establecemento de Loterías e Apostas do Estado.

“Estamos facendo unha aposta clara polos mercados municipais como espazos de actividade económica, de proximidade e de servizo aos barrios”, afirmou o alcalde, José Manuel Rey Varela.

0.15558195114136