O CPI San Sadurniño recibe unha posta a punto antes do inicio das clases con case 20.000 euros de investimento

O CPI San Sadurniño afronta o inicio do novo curso con varias melloras realizadas nas súas instalacións. O Concello está a rematar unha intervención de mantemento que supón un investimento próximo aos 20.000 euros e que permitiu acondicionar diferentes espazos do centro antes da volta ás aulas.
Entre os traballos realizados figura o pintado de catro aulas e a colocación de tarima flotante en dúas aulas de Infantil. Tamén se realizaron reparacións en varios radiadores e unha limpeza xeral das zonas exteriores dos dous edificios que forman o complexo educativo.
A actuación municipal chega despois doutras tarefas realizadas durante o verán, entre elas a retirada de mobiliario e equipamento en desuso. Paralelamente, a Xunta destinou algo máis de 47.000 euros ao centro para actuacións relacionadas co equipamento docente, a envolvente dos edificios e a cuberta do ximnasio.
O Goberno local considera, con todo, que estas intervencións non solucionan as principais necesidades do CPI. O alcalde, Secundino García Casal, reclama unha actuación de maior alcance no edificio de Primaria, especialmente para renovar o tellado, poñer fin aos problemas de humidade, mellorar o comportamento enerxético do inmoble e instalar un ascensor que permita garantir a accesibilidade ás plantas superiores.
O Concello aproveitou ademais a proximidade do inicio do curso para activar as axudas municipais destinadas ás familias para afrontar os gastos de estudo. A convocatoria conta cunha partida de 25.000 euros e contempla apoios para alumnado de Infantil, ensinanza obrigatoria, Bacharelato, ciclos formativos e estudos universitarios, ademais de reservar unha pequena parte para situacións especiais.
As familias interesadas poderán solicitar estas axudas até o 30 de setembro, tanto no Rexistro Municipal como a través da Sede Electrónica.