O cubo do muíño do Parque Lineal de Fene recuperará a súa iluminación e contará con limpezas periódicas

O cubo do muíño situado no Parque Lineal do río Cádavo está a ser sometido estes días a traballos de limpeza e acondicionamento co obxectivo de mellorar a súa conservación e recuperar elementos que levaban anos sen funcionar. A actuación inclúe a limpeza integral do cubo, o seu acondicionamento para evitar filtracións de auga e a renovación do sistema de iluminación.
O Concello de Fene pretende así volver poñer en valor este elemento patrimonial e ambiental, mellorando tanto a súa imaxe como as súas condicións de conservación, seguridade e desfrute por parte da veciñanza.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que 'o Parque Lineal é un dos espazos de lecer máis importantes do municipio e merece un mantemento continuo que garanta o seu bo estado'. Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Cristina García, explicou que 'con esta actuación non só recuperamos elementos que levaban anos sen funcionar, como a iluminación do cubo do muíño, senón que establecemos unha forma de traballar baseada na planificación e no mantemento periódico para evitar que o deterioro volva repetirse'.
O Concello implantará ademais un programa periódico de limpeza do cubo, que se levará a cabo entre catro e cinco veces ao ano para evitar a acumulación excesiva de sedimentos e garantir o seu correcto funcionamento e conservación.
Limpeza dos ríos urbanos en setembro
Por outra banda, durante a segunda quincena de setembro está previsto que se leven a cabo os traballos de limpeza dos cursos fluviais situados nas zonas urbanas do municipio.
As actuacións afectarán ao río Cádavo ao seu paso por Fene e Perlío, así como a diferentes tramos dos ríos das zonas urbanas de Barallobre, Maniños e Limodre.
Os traballos están condicionados ás autorizacións de Augas de Galicia, organismo competente en materia de xestión fluvial, que determina os períodos nos que poden realizarse este tipo de intervencións para garantir a protección dos ecosistemas. Por este motivo, os permisos concédense para o mes de setembro e non é posible executar as limpezas con anterioridade.
Con estas actuacións, o Concello de Fene busca establecer unha planificación continuada do mantemento dos seus espazos naturais, co obxectivo de preservar tanto o patrimonio hidráulico como as zonas verdes e de lecer do municipio, en coordinación cos organismos competentes e respectando os criterios ambientais establecidos.