O deputado Néstor Rego esixe en Narón parar os desafiuzamentos de familias vulnerábeis en pisos da Sareb

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixiu esta mañá parar o desafiuzamento dunha familia en situación de vulnerabilidade que reside no edificio da Sareb situado na Praza do Asilo, número 5.
Néstor Rego, xunto cos concelleiros de Narón, Geno Carballeiro e Olalla Ledo, e distintas persoas afectadas das prácticas abusivas da SAREB, denunciaron a situación vivida por esta familia pendente da execución do lanzamento para o próximo sábado, mais tamén lembraron os casos doutras persoas expulsadas das súas casas baixo ameaza de desafiuzamento nese mesmo edificio e noutros propiedade da SAREB en Narón, así como tamén noutras vilas e cidades da Galiza.
“A entidade, de capital maioritariamente público, non supervisa nin inspecciona as vivendas, que son encomendadas a empresas intermediarias e quedou demostrado, realizan prácticas de intimidación para lograr o obxectivo dun maior rédito”, declara o deputado nacionalista, “a SAREB actúa irresponsabelmente ao se desentender e pretender expulsar as persoas inquilinas, familias vulnerábeis, con crianzas, sen alternativa de vivenda a un prezo accesíbel. Debe rectificar e retirar a orde de desafiuzamento”.
Reclamou unha solución para estas familias que pasa “porque a Sareb faga un novo contrato de alugueiro social cos inquilinos afectados. Non valen escusas. A situación de vulnerabilidade das persoas afectadas está mais que demostrada e teñen dereito a vivir tranquilas e dignamente, sen estar constantemente perseguidas por unha inmobiliaria”.
Néstor Rego demandou ao Goberno que actúe con urxencia e paralice todos os desafiuzamentos de pisos en mans da Sareb. “Non se entende que mentres se anuncian decretos de urxencia para paralizar os desafiuzamentos até 2030, non se empece por prohibilos en inmóbeis que son de titularidade pública”.
Así mesmo, o deputado do nacionalista manifestou que “o BNG seguirá a reclamar que se proceda a transferir o parque inmobiliario da SAREB na Galiza para integralo nunha bolsa de vivenda pública e para o alugueiro social” declara Néstor Rego, “mais tamén que se impulsen medidas para frear o medre dos prezos topando os alugueiros ou os xuros das hipotecas, impedindo a especulación inmobiliaria e modificando a lexislación vixente para protexer ás persoas inquilinas” finda Néstor Rego.