O Día da Bicicleta de Valdoviño regresará ás Forcadas cun percorrido de 11 quilómetros

Valdoviño volverá celebrar o seu Día da Bicicleta o vindeiro domingo 27 de setembro, cunha ruta que levará aos participantes ata o encoro das Forcadas, entre as parroquias de Loira e Vilaboa.
A actividade permitirá percorrer en bicicleta a contorna do encoro nun momento especialmente singular, xa que os baixos niveis de auga deixan á vista os restos das antigas edificacións que quedaron asolagadas coa construción da infraestrutura.
Unha ruta de 11 quilómetros e dificultade baixa
O punto de encontro estará situado no Campo de Fútbol Juan Sabín, en O Lameiro. A concentración dos participantes comezará ás 11.00 horas, mentres que a saída da ruta está prevista para as 11.30 horas.
O percorrido terá unha lonxitude aproximada de 11 quilómetros, bordeando o encoro das Forcadas, e contará cun nivel de dificultade baixo, polo que está pensado para poder desfrutar da xornada sobre dúas rodas nun ambiente familiar e ao aire libre. O uso do casco será obrigatorio durante toda a actividade.
Inscricións e agasallos ao remate
As persoas interesadas en participar poderán recoller e entregar a folla de inscrición no rexistro da Casa Consistorial a partir da mañá deste venres. Ademais, o propio domingo habilitarase un punto informativo para inscricións de última hora a partir das 10.30 horas.
Unha vez rematada a ruta terá lugar un sorteo de numerosos agasallos, cedidos polo comercio local, como parte dunha xornada que busca combinar actividade física, natureza e participación veciñal.