O encoro das Forcadas cae ao 66 % da súa capacidade e obriga a pedir un consumo responsable de auga na comarca

FerrolXa
Valdoviño súmase ao chamamento tras o aviso trasladado polo Concello de Ferrol, responsable da xestión do abastecemento do encoro
VALDOVIÑO forcadas
Imaxe de Noelia Uceira
29 Jul 2026

A preocupación pola situación do encoro das Forcadas esténdese aos municipios que dependen desta infraestrutura para o abastecemento de auga. O Concello de Valdoviño sumouse ao chamamento ao consumo responsable tras recibir o último informe de Augas de Galicia, trasladado polo Concello de Ferrol, propietario e responsable da xestión do encoro, que sitúa as reservas no 66 % da súa capacidade, o nivel máis baixo rexistrado nos últimos 25 anos.

As Forcadas abastece de auga a Ferrol, Narón, Fene, Mugardos, Ares e Valdoviño, polo que a evolución das reservas afecta a toda esta contorna. A combinación das escasas precipitacións rexistradas nos últimos meses e o incremento do consumo durante a época estival, debido ao aumento da poboación, provocou un descenso continuado do volume almacenado.

As previsións meteorolóxicas tampouco invitan ao optimismo, xa que non se agardan choivas significativas nas próximas semanas. Ante este escenario, as administracións insisten na necesidade de facer un uso máis eficiente da auga para contribuír a preservar as reservas e garantir o abastecemento.

Desde o Concello de Valdoviño lembran que pequenos xestos do día a día poden marcar a diferenza, como pechar a billa cando non se estea utilizando, reparar fugas, empregar os electrodomésticos a carga completa, reducir o tempo das duchas ou evitar consumos innecesarios para rega e limpeza.

Polo momento non se anunciaron restricións no abastecemento, pero as administracións apelan á colaboración da cidadanía para afrontar unha situación que non se producía desde hai un cuarto de século e cuxa evolución dependerá tanto das precipitacións das próximas semanas como do consumo que se realice durante o resto do verán.

0.66086101531982