O futuro do fútbol dáse cita en Narón co Gran Premio Deputación da Coruña

FerrolXa
O torneo reunirá esta fin de semana 94 equipos e máis de 1.000 deportistas no Estadio Municipal de Río Seco
NARÓN dipu torneo futbol
31 Aug 2026

O fútbol base volverá ser protagonista esta fin de semana en Narón coa celebración do Gran Premio Deputación da Coruña: XI Torneo Internacional Cidade de Narón, unha competición que reunirá 94 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas no Estadio Municipal de Río Seco.

A principal novidade desta edición é a incorporación da Deputación da Coruña como principal patrocinador do torneo, unha colaboración que permitirá reforzar a dimensión deportiva e organizativa dunha cita que nos últimos anos se consolidou como un dos grandes eventos de fútbol base de Galicia.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón O Freixo, Rafael Pazos Louro, asinaron o convenio de colaboración. No acto tamén participou o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira.

A institución provincial achegará 90.000 euros, o 80% do orzamento total do torneo, que ascende a 112.500 euros.

'Falamos de máis de mil rapaces e rapazas, 94 equipos e centos de familias que durante varios días van converter Río Seco nun auténtico punto de encontro arredor do deporte', destacou González Formoso, que tamén puxo en valor o traballo desenvolvido pola SDCR Narón O Freixo para facer medrar unha competición que alcanza xa a súa 11ª edición.

Na competición participarán equipos das categorías benxamín e alevín procedentes de Galicia e doutras comunidades, entre eles o RC Deportivo da Coruña, RC Celta de Vigo, Sporting de Gijón, Real Oviedo e Cultural Leonesa. O torneo contará tamén coa presenza de equipos de Portugal, Alemaña e Italia.

A pasada edición reuniu arredor de 3.500 espectadores e a organización traballa este ano co obxectivo de superar os 5.000 asistentes.

Seis días de fútbol base en Río Seco

O torneo desenvolverase os días 4, 5 e 6 de setembro, con fases previas previstas para os días 1 e 2, nas instalacións do Estadio Municipal de Río Seco.

A competición estará dividida nas categorías benxamín e alevín e desenvolverase de maneira simultánea en catro campos de fútbol 8, dous de herba natural e dous de herba artificial.

Na primeira fase, os equipos quedarán distribuídos en grupos e, en función dos resultados, accederán posteriormente ás Fases Prata ou Ouro.

Na categoría alevín, os dous primeiros clasificados de cada grupo pasarán á Fase Ouro, mentres que o resto disputará a Fase Prata. En benxamíns, serán os tres primeiros de cada grupo os que accedan á Fase Ouro.

O sábado terá lugar a Fase Prata, coa correspondente entrega de premios, mentres que o domingo se disputará a Fase Ouro, que contará con fase de grupos, cuartos de final, semifinais e finais.

O torneo tamén distinguirá o mellor xogador e o mellor porteiro de cada categoría, ademais dos equipos que rematen nas primeiras posicións.

Unha cita que tamén dinamiza a comarca

A presenza de 94 equipos e máis de 1.000 deportistas terá tamén repercusión fóra dos terreos de xogo, coa chegada a Narón e á comarca de familiares, adestradores e acompañantes.

A organización destaca así o impacto que o torneo pode ter na hostalaría, restauración e comercio local, ao tempo que contribúe a proxectar Narón e o conxunto de Ferrolterra.

Co apoio da Deputación, o evento busca seguir medrando tanto en participación como en proxección e consolidarse como unha referencia do fútbol base.

0.10568904876709