O miradoiro de Ancos pechará ao tráfico durante a eclipse solar para evitar colapsos

O Concello de Neda prohibirá o acceso en vehículo ao miradoiro do monte Ancos o vindeiro 12 de agosto, coincidindo coa eclipse solar total, co obxectivo de garantir a seguridade e evitar problemas de circulación ante a previsión dunha elevada afluencia de visitantes.
A medida afectará aos accesos desde Casadelos e tamén desde a parroquia de Anca, que permanecerán pechados ao tráfico durante a xornada. As persoas que desexen achegarse ata o miradoiro deberán facelo a pé, xa que o espazo dispoñible para estacionar é reducido e as pistas de acceso non permiten absorber un gran volume de vehículos.
Como alternativa, o Concello recomenda dous puntos de fácil acceso para observar o fenómeno astronómico: a contorna do albergue de peregrinos, na zona de Xuvia, e o campo dos Subarreiros, espazos con maiores facilidades para o estacionamento e cun acceso máis cómodo.
A administración local lembra tamén a recomendación da Delegación do Goberno de evitar, na medida do posible, os desprazamentos en vehículo particular durante esa tarde. Segundo as previsións, a eclipse comezará ás 19.30 horas, alcanzará a fase de totalidade entre as 20.27 e as 20.28 horas, e finalizará ás 21.21 horas.
O Concello insiste ademais na importancia de observar o fenómeno con seguridade. Para iso lembra que é imprescindible utilizar lentes homologadas que cumpran a norma ISO 12312-2 e que se atopen en bo estado. Tamén recomenda realizar observacións en intervalos curtos e empregar filtros solares específicos no caso de utilizar cámaras fotográficas ou teléfonos móbiles para captar imaxes da eclipse.