O norte de Ferrolterra será o mellor lugar da provincia da Coruña para gozar da eclipse total de Sol

A conta atrás para a eclipse total de Sol do próximo 12 de agosto xa está en marcha e Ferrolterra perfílase como unha das zonas privilexiadas de Galicia e de España para contemplar este fenómeno astronómico. Segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional e do Portal Eclipse da Xunta de Galicia, o norte da provincia da Coruña concentrará algunhas das maiores duracións da totalidade, o momento no que a Lúa ocultará completamente o Sol.
Entre os concellos da comarca, Mañón será o punto onde máis tempo durará a totalidade, con 1 minuto e 47 segundos. Moi preto situaranse Ortigueira, con 1 minuto e 45 segundos, e Cariño, con 1 minuto e 44 segundos, convertendo toda esta franxa costeira nun dos mellores lugares de Galicia para vivir a eclipse.
Tamén contarán cunhas condicións excepcionais Cerdido, onde a totalidade alcanzará 1 minuto e 40 segundos, e Cedeira, con 1 minuto e 39 segundos. No resto da comarca o espectáculo tamén será destacado. En Fene, o Sol permanecerá completamente oculto durante 1 minuto e 30 segundos; en Ferrol, durante 1 minuto e 28 segundos; e en Ares, durante 1 minuto e 25 segundos.
Outros concellos como Narón, Neda, Mugardos, Valdoviño, Moeche, San Sadurniño, As Pontes ou Pontedeume tamén se atoparán dentro da franxa de totalidade e poderán presenciar un dos fenómenos astronómicos máis importantes das últimas décadas.
A eclipse alcanzará o seu máximo arredor das 20.28 horas, cando o Sol estará moi baixo sobre o horizonte oeste. Por este motivo, os expertos recomendan elixir lugares elevados ou con vistas despexadas cara ao mar para gozar dunha mellor observación. Ademais, lembran que será imprescindible utilizar lentes homologadas para a observación solar durante todas as fases parciais da eclipse e que só será seguro retiralas durante os segundos nos que o Sol permaneza completamente oculto.
A previsión de miles de visitantes converte esta cita nun importante atractivo turístico para o norte de Ferrolterra, especialmente para municipios como Mañón, Ortigueira e Cariño, que contarán cos mellores tempos de observación de toda a provincia da Coruña.