O notario máis novo de España ofrecerá este xoves unha charla gratuíta en Valdoviño

FerrolXa
Fernando Frías Fontes abordará cuestións como os testamentos, as herdanzas en vida, as bonificacións fiscais ou os problemas co Catastro
VALDOVIÑO charla notario
10 Nov 2026

Os testamentos, as herdanzas en vida, as bonificacións fiscais e os trámites relacionados coas propiedades serán algúns dos temas que centrará a charla que Fernando Frías Fontes ofrecerá este xoves, 12 de novembro, en Valdoviño. O encontro terá lugar ás 19:30 horas no auditorio da Casa da Cultura, con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo.

Frías Fontes é o notario máis novo de España, tras superar as oposicións en apenas un ano e nove meses, fronte aos cinco anos de media que adoita requirir esta preparación. Durante a sesión explicará cuestións prácticas relacionadas coas decisións patrimoniais e legais que poden afectar ás familias.

No ámbito das propiedades, abordará como solucionar problemas cos datos do Catastro en Galicia e como inscribir unha finca no Rexistro da Propiedade ao menor custo posible.

Testamentos, herdanzas e poderes

A charla tamén afondará nas posibilidades que ofrece o pacto de mellora en Galicia, nas súas bonificacións fiscais e nas diferenzas entre as herdanzas con testamento e sen el.

Outro dos asuntos será a importancia de incluír determinadas cláusulas nos testamentos para evitar futuros conflitos familiares e procesos xudiciais, así como as disposicións que poden contemplarse ante unha eventual situación de divorcio.

Por último, o notario explicará que implica outorgar un poder xeral e a utilidade destes documentos nos casos de deterioración cognitiva ou demencia senil.

0.16647911071777