O parque infantil dos Subarreiros estrea un galeón renovado para mellorar a seguridade dos máis pequenos

FerrolXa
O Concello de Neda completou a reparación do principal elemento de xogo, substituíndo pezas deterioradas e mellorando o pavimento amortecedor
NEDA galeon parque subarreiros
6 Aug 2026

Os nenos e nenas que utilizan o parque infantil dos Subarreiros xa poden volver desfrutar do seu principal atractivo. O Concello de Neda vén de completar a renovación do galeón, a estrutura de xogo máis emblemática desta área recreativa, tras unha actuación destinada a reforzar a seguridade e prolongar a vida útil da instalación.

Os traballos comezaron a pasada semana e remataron nestes últimos días coa posta a punto do equipamento. A intervención incluíu a retirada e substitución das estruturas que presentaban un maior desgaste polo paso do tempo, así como a reparación de diferentes elementos deteriorados.

Ademais, aproveitouse a actuación para mellorar a superficie do solo do parque, incorporando actuacións destinadas a incrementar a capacidade de absorción de impactos e ofrecer unha maior protección aos usuarios en caso de caída.

Desde o Concello destacan que estas actuacións forman parte das tarefas periódicas de conservación e mantemento dos espazos públicos, co obxectivo de garantir que as áreas infantís permanezan en condicións óptimas de uso e cumpran cos requisitos de seguridade.

Coa renovación do galeón, o parque dos Subarreiros recupera plenamente un dos seus elementos máis utilizados, ofrecendo ás familias un espazo de lecer renovado e máis seguro para o desfrute da cativada.

0.10249900817871