O Partido Comunista pide organizarse contra o fascismo tras os ataques a sedes políticas en Ferrol

O Comité Comarcal de Ferrolterra do Partido Comunista de Galicia reclama unha resposta organizada fronte ao avance da extrema dereita e aos ataques contra sedes de formacións políticas. A organización considera insuficientes as condenas institucionais e defende que a esquerda debe dar un paso máis e articular unha resposta común fronte ao que cualifica de avance do fascismo.
A reacción chega no contexto dos episodios de vandalismo rexistrados contra espazos políticos e sociais da comarca. A sede do PSOE de Ferrol xa foi obxecto de pintadas en anteriores ocasións, nun contexto de forte tensión política. Ademáis do suceso de fai uns días, xa ocorrera algo similar no 2023.
O PCG considera que este tipo de episodios non deben analizarse como feitos illados. No seu comunicado, a formación sostén que o avance da extrema dereita responde tamén a un contexto político no que, ao seu xuízo, determinados discursos foron normalizados e non se adoptaron medidas suficientes para frealos.
O PCG critica as 'condenas baleiras'
A organización comunista asegura que non quere entrar na 'competición' por realizar a condena máis contundente tras cada ataque. Pola contra, aposta por analizar as causas e promover unha resposta política e social organizada.
O Comité Comarcal de Ferrolterra sinala directamente a responsabilidade das forzas que se presentan como progresistas e considera que a falta de actuación ante determinados discursos e comportamentos da extrema dereita contribúe a xerar unha sensación de impunidade.
Neste sentido, o comunicado fai referencia tamén á presenza de discursos ultras e a diferentes episodios de confrontación política e social que, segundo o PCG, amosan unha maior permisividade coa extrema dereita.
Un chamamento á organización da esquerda
A parte central do comunicado céntrase na proposta dunha resposta común. O PCG fai un chamamento ás organizacións e militantes da esquerda para abandonar a pasividade e avanzar cara a unha 'unidade de acción antifascista'.
A formación propón activar de maneira inmediata un bloque comarcal de 'Acción Antifascista' e defende a organización colectiva para facer fronte ao fascismo.
O Partido Comunista considera que a resposta non debe limitarse ás declaracións públicas cada vez que se produce un ataque, senón que debe traducirse en organización e mobilización social.
O comunicado remata cun chamamento a actuar en Ferrolterra e no conxunto de Galicia fronte ao que o PCG considera un avance da extrema dereita, coa intención de converter a resposta antifascista nunha acción coordinada entre diferentes sectores da esquerda.