O paseo de San Valentín renova o seu pavimento para mellorar a seguridade dos peóns

O paseo de San Valentín está a ser obxecto de traballos de reparación e acondicionamento para mellorar o estado do seu pavimento e reforzar a seguridade das persoas que utilizan este espazo de maneira habitual.
A actuación céntrase nas zonas onde as lousas presentaban un maior desgaste, estaban soltas ou mostraban desniveis. Para solucionar estas deficiencias, os operarios están a retirar as pezas máis deterioradas, preparar de novo a base e recolocalas, recuperando así a uniformidade do firme.
Os traballos buscan tamén eliminar puntos que podían dificultar o tránsito peonil e incrementar o risco de tropezos ou caídas, especialmente nun dos espazos públicos con maior uso do municipio.
O Concello de Fene enmarca esta intervención no labor continuado de conservación dos espazos públicos. A intención é actuar de maneira progresiva nos puntos que presentan un maior deterioro e manter en boas condicións rúas, beirarrúas, paseos e zonas verdes.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou a importancia de manter o paseo de San Valentín en boas condicións polo seu elevado uso diario, mentres que o concelleiro de Servizos, Adán Chao, incidiu en que o mantemento habitual tamén forma parte das prioridades municipais.
A actuación pretende, deste xeito, mellorar tanto a seguridade como a accesibilidade e o confort das persoas usuarias deste paseo.