O paseo marítimo de Neda renovará as súas 90 luminarias tras anos de problemas co alumeado

FerrolXa
A actuación, valorada en 35.500 euros, permitirá sustituir os equipos actuais por tecnoloxía LED máis eficiente e preparada para evitar a entrada de auga
NEDA paseo maritimo
12 Sep 2026

O paseo marítimo de Neda estreará nos próximos meses un novo sistema de iluminación coa renovación das 90 luminarias instaladas ao longo do percorrido entre a ponte de Xuvia e Santa María. O proxecto, cun orzamento aproximado de 35.500 euros, pretende poñer fin aos problemas recorrentes que vén rexistrando o alumeado desta zona.

O Goberno local levará este luns ao Pleno o financiamento da actuación, que está previsto executar con fondos adicionais do Plan Único (POS+ 2026) da Deputación da Coruña. A intervención contempla a substitución completa dos equipos actuais por luminarias LED, cun menor consumo enerxético e mellores condicións de estanqueidade.

A antigüidade das instalacións é un dos principais motivos que levaron ao Concello a formular esta renovación. Os equipos existentes xa non permiten unha actualización axeitada e a entrada de auga provoca cortes frecuentes no subministro eléctrico do paseo.

Un paseo afectado tamén polos roubos de cable

Os problemas do alumeado desta zona non son novos. Ás incidencias relacionadas co deterioro das instalacións súmase o historial de roubos de cableado rexistrado en distintos puntos do municipio.

En 2021 denunciouse a subtracción de máis de 8.000 metros de cable do tendido eléctrico en diferentes zonas de Neda. Entre os puntos afectados atopábanse o paseo marítimo e a contorna de O Empedrón, ademais de A Mourela Alta e A Muchiqueira. Os danos obrigaron daquela a formular unha actuación para repoñer o material subtraído e recuperar o alumeado.

Os roubos de cable foron, polo tanto, outro dos problemas que condicionaron durante os últimos anos o funcionamento dalgúns puntos do alumeado público. Non obstante, o Concello vincula os cortes actuais do paseo principalmente ao deterioro das luminarias e á entrada de auga nos equipos, polo que a nova actuación pretende solucionar esta problemática mediante a instalación de dispositivos máis axeitados para un entorno exposto á humidade.

Unha renovación que levaba tempo buscando financiamento

O Concello levaba tempo buscando recursos para poder executar o proxecto. A actuación foi presentada a unha liña de axudas da Axencia de Turismo de Galicia destinada a mellorar as infraestruturas turísticas, pero a solicitude foi rexeitada en maio.

Segundo explicou o Concello, a Administración autonómica xustificou a denegación sinalando que a solicitude fora rexistrada 137 segundos despois da apertura do prazo, cando o crédito dispoñible xa se tería esgotado.

Agora, co financiamento previsto a través do Plan Único, o Concello pretende sacar adiante unha renovación que permitirá modernizar todo o alumeado do paseo marítimo, mellorar a súa fiabilidade e reducir o consumo enerxético.

A substitución das 90 luminarias permitirá tamén contar con equipos con mellores condicións de estanqueidade, un aspecto especialmente relevante nunha instalación situada xunto á ría e exposta de forma habitual á humidade.

0.11642408370972