O plan de barrios de Ferrol intensifica o mantemento en Recimil con 6.000 metros cadrados de zonas verdes segadas

FerrolXa
Ademais, completouse o desbroce de máis de 18.000 metros cadrados, a limpeza de 87 sumidoiros e o mantemento do mobiliario urbano e dos parques infantís
visita-alcalde-de-ferrol-recimil
16 Oct 2026

Unha semana máis dentro da axenda do Plan de Barrios o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado do concelleiro de Servizos e Obras, José Tomé, reuniuse coa dirección da AVV de Recimil, á fronte da que se atopa Isabel Riveiro. Durante o encontro, abordaron as necesidades do barrio así como repasaron as actuacións de mantemento e mellora que se levaron a cabo durante a semana pasada dentro do Plan de Barrios. “Recimil é un barrio que precisa unha especial atención, xa que conta con numerosas zonas verdes que estamos a mellorar para o lecer e o desfrute dos veciños e veciñas”, sinalou o alcalde.

No marco do Plan de Barrios, as empresas responsables dos distintos servizos municipais coordinan os seus traballos para atender as necesidades de cada zona e mellorar a conservación dos espazos públicos.

En Recimil, o servizo de conservación de zonas verdes, parques e xardíns realizou a sega de 6.000 metros cadrados na praza de Sevilla e nas rúas Carvalho Calero, Mugardos, Valdoviño, Pontedeume, Fene, Euskadi, Ortigueira, Cedeira-Somozas, Álvarez de Sotomayor, Betanzos, As Pontes, Neda, Ramón y Cajal e Dez de Marzal.

Os traballos incluíron tamén a poda de árbores e vexetación na rúa Dez de Marzal, na rúa Cedeira-Somozas, na praza de Sevilla e na zona verde do Bambú Club. Estas tarefas continuarán ao longo dos próximos dous meses.

Ademais, realizouse o chorreo de parte dos bancos do barrio e repuxéronse 60 barrotes de madeira neste mobiliario urbano, co obxectivo de mellorar o seu estado de conservación.

Pola súa banda, o servizo de limpeza viaria e recollida de residuos levou a cabo o desbroce de máis de 9.200 metros cadrados na praza de Sevilla e de máis de 8.800 metros lineais no conxunto do barrio.

As actuacións completáronse coa limpeza de 87 sumidoiros e de 111 colectores, así como con nove intervencións do servizo de mantemento eléctrico destinadas á reparación de avarías e á conservación das instalacións.

Tamén se realizou unha limpeza xeral dos parques infantís e reparáronse elementos de xogo que presentaban deficiencias, co fin de garantir unhas condicións axeitadas de uso e desfrute para os máis pequenos.

Dende a AVV de Recimil agradeceron o traballo realizado durante días a través do Plan de Barrios, así como destacaron o avance nas obras do Bambú Club.

O Plan de Barrios continuará o vindeiro luns, 19 de outubro, no barrio de San Xoán, onde se desenvolverán novas actuacións de mantemento e conservación dos espazos públicos, en coordinación cos distintos servizos municipais e atendendo ás necesidades da veciñanza.

0.13566493988037