O pleno de Cabanas aproba por unanimidade instalar unha fonte no CEIP Eladia Mariño

O Concello de Cabanas deu luz verde por unanimidade á instalación dunha fonte de auga no CEIP Eladia Mariño, unha actuación reclamada pola comunidade educativa do centro e que saíu adiante no último pleno municipal co apoio de todos os grupos da Corporación.
A iniciativa, presentada polo BNG, busca dotar ao colexio dun equipamento considerado necesario para o día a día do alumnado. Segundo expuxo a formación nacionalista durante o debate, trátase dunha intervención de reducido custo económico, estimado en arredor de 300 euros, que podería executarse aproveitando a conexión coas instalacións do pavillón municipal.
Tras a aprobación da moción, o portavoz municipal do BNG, Iago Varela, puxo en valor o traballo desenvolvido polo equipo directivo do CEIP Eladia Mariño, a ANPA e as familias, ao considerar que a súa implicación foi determinante para manter viva esta reivindicación ata conseguir o respaldo unánime da Corporación.
'Este acordo é, sobre todo, un éxito da comunidade educativa. Cando un centro, unha ANPA e as familias se implican para mellorar o día a día do alumnado, as administracións teñen a obriga de escoitar e responder', sinalou o edil nacionalista.
O BNG sostén que o cambio de posición do Goberno local responde á perseveranza da comunidade educativa e lamenta que unha actuación que cualifica de sinxela se demorase durante meses. Ademais, a formación aproveitou para reclamar un maior investimento da Xunta de Galicia no mantemento e mellora do centro educativo.
A pesar da satisfacción polo acordo alcanzado, os nacionalistas subliñan que agora o máis importante será materializar o compromiso adquirido no pleno. Neste sentido, Iago Varela avanzou que o BNG realizará un seguimento da execución da iniciativa para que a fonte poida estar instalada antes do inicio do próximo curso escolar.