O polígono de Río do Pozo renova o pavimento do seu vial principal

O vial principal do polígono industrial de Río do Pozo xa conta cun pavimento renovado tras a finalización das obras de reforzo da avenida Bernardo Romero. A intervención, impulsada polo Concello de Narón e cofinanciada pola Consellería de Economía e Industria da Xunta, supuxo un investimento de 139.573,50 euros e permitiu actuar sobre 1.420 metros lineais desta vía, unha das principais conexións do parque empresarial.
O estado do firme viña condicionado polo paso continuado de camións de gran tonelaxe e polas características do terreo, de base arxilosa e pouco estable. Para mellorar a superficie de rodadura, os traballos centráronse no reforzo dos tramos máis deteriorados e na aplicación dunha nova capa de aglomerado.
A intervención abrangueu unha superficie aproximada de 10.815 metros cadrados, na que se combinaron actuacións sobre carrís completos con reparacións en zonas concretas. Antes de estender o novo pavimento, fresouse o firme antigo nos bordos de cada tramo e limpouse a superficie. Posteriormente, aplicouse un rego de imprimación para favorecer a adherencia entre as capas e garantir a súa unión.
As obras incluíron tamén actuacións complementarias para mellorar o estado xeral do vial. En concreto, repintouse a sinalización horizontal e adaptouse a altura dos rexistros e dos sumidoiros á nova cota do pavimento.
O contrato foi adxudicado á empresa Lancer Proyectos y Obras, S. A., por un importe de 139.573,50 euros. O financiamento da actuación corresponde ao Concello de Narón e á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.