O PP de Cabanas denuncia o voto en contra da oposición a unha modificación de crédito de 231.500 euros

O grupo de goberno do Concello de Cabanas, formado polo Partido Popular, denunciou o voto en contra de PSOE, BNG e Somos a unha modificación de crédito de 231.508,61 euros que pretendía reforzar distintas partidas municipais, entre elas as destinadas a servizos sociais, mantemento e actividades culturais e deportivas.
Segundo explica o executivo local nun comunicado, o 55% do importe, un total de 127.741,29 euros, estaba destinado ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que se atopa actualmente en fase administrativa de licitación. A modificación incluía tamén fondos para o mantemento do alumeado público, o Punto de Atención á Infancia, a rede de abastecemento de auga, actividades culturais e os equipos informáticos municipais.
O goberno municipal sostén que a oposición solicitou inicialmente que o asunto quedase sobre a mesa por falta de documentación e información. Segundo a versión do PP, os grupos reclamaban datos sobre o remanente municipal, as necesidades de ingresos e diferentes pronunciamentos legais que, asegura, xa estaban incorporados ao expediente.
O executivo local afirma que, antes da celebración do pleno, Secretaría-Intervención trasladara aos concelleiros por escrito que o expediente estaba completo e que os informes incluían a información necesaria.
Durante a sesión, PSOE e BNG solicitaron inicialmente someter a votación que o asunto quedase sobre a mesa. Tras as explicacións da Alcaldía, os dous grupos retiraron a proposta e o punto foi sometido directamente a votación, na que, segundo o comunicado do goberno municipal, PSOE, BNG e Somos votaron en contra.
O PP de Cabanas considera que este rexeitamento pode afectar ao financiamento de servizos municipais e asegura que continuará traballando para garantir o seu mantemento, especialmente no ámbito da atención á dependencia e da infancia.