O PP de Valdoviño alerta da posible poxa da nave de Mourente e o Concello nega que estea embargada

FerrolXa
Os populares reclamaron explicacións sobre a situación do inmoble, mentres que o Goberno local aclarou que foi incluído por erro nun procedemento de poxa dunha empresa e que xa foi retirado
VALDOVIÑO nave mourente sin coches
30 Oct 2026

O PP de Valdoviño alertou da posible saída a poxa da nave municipal de Mourente e reclamou explicacións ao Goberno local sobre a situación xurídica do inmoble. Os populares aseguraron ter constancia da apertura dun período de licitación e cualificaron o asunto de grave, polo que solicitaron documentación que acredite a titularidade da nave, o inventario de bens municipais e a convocatoria urxente dun pleno extraordinario.

A formación tamén pediu unha auditoría externa das contas municipais para comprobar se existen outros bens que poidan estar expostos a procedementos de embargo. Na súa publicación, o PP responsabilizou ao alcalde, Alberto González, da situación e cuestionou a xestión do Goberno municipal.

A denuncia dos populares recibiu tamén a resposta de Terra Galega, que cuestionou a información difundida polo PP:  'Non imos ser nós quen defenda o grupo de goberno, pero creemos que acabades de meter a pata con esta publicación. Hai que informarse moito máis antes de pretender xestionar un concello'.

Pola súa banda, o PSOE, desde o Goberno municipal, aclarou que a nave de Mourente non está embargada nin vai saír a poxa. O alcalde explicou que o inmoble foi incluído por erro nun procedemento de poxa pública de bens pertencentes á empresa Excavaciones Saavedra y López, pero que a Tesourería Xeral da Seguridade Social xa retirou a nave do proceso despois de que o Concello acreditase que é de titularidade municipal.

Segundo a explicación municipal, a nave albergara anteriormente a empresa local VERDOGÓN e foi adquirida en marzo de 2015 por Excavaciones Saavedra y López. Dous meses despois, poucos días antes das eleccións municipais, o Goberno local daquela, encabezado polo PP, adquiriu o inmoble, que pasou a formar parte do patrimonio municipal.

A semana pasada, a Tesourería Xeral da Seguridade Social remitiu ao Concello documentación para a súa publicación no taboleiro municipal, na que figuraba a nave entre os bens da empresa sometidos ao procedemento de poxa. Foi a Secretaría municipal a que detectou que o inmoble aparecía como propiedade da compañía malia pertencer ao Concello. Tras comunicar o erro e achegar a documentación que acreditaba a titularidade municipal, a Administración corrixiu a relación de bens e retirou a nave do procedemento.

O alcalde acusou o PP de difundir información falsa e de antepoñer o interese electoral á verdade. O Goberno local asegura que non existe ningún proceso de poxa nin de embargo sobre a nave de Mourente e afirma que está á disposición dos grupos municipais para ofrecer as aclaracións que sexan necesarias.

0.17854690551758