O programa 'Nedactívate' arrinca o curso con 243 participantes e unha ampla oferta deportiva

O programa municipal 'Nedactívate' comeza o curso 2026-2027 cunha boa resposta da veciñanza. Un total de 243 persoas participan desde mediados de setembro nas distintas actividades deportivas e de benestar impulsadas polo Concello de Neda, cunha programación que se prolongará ata o mes de xuño.
A iniciativa ofrece arredor dunha decena de propostas para promover hábitos saudables, favorecer a práctica de exercicio físico e combater o sedentarismo entre a poboación adulta. A programación complétase con actividades de estimulación cognitiva orientadas a manter a mente activa e fomentar as relacións sociais entre as persoas maiores.
O pilates lidera a participación
Entre as propostas deportivas, o pilates volve destacar como a actividade con maior aceptación. Actualmente conta con 59 participantes distribuídos en tres grupos, seguido do ioga, con 42 persoas repartidas en dous grupos, e da ximnasia de mantemento, que reúne 25 alumnos.
Tamén teñen unha boa acollida outras disciplinas como a ximnasia terapéutica e a zumba, ambas con máis dunha vintena de participantes, así como as sesións de adestramento dirixido no ximnasio.
A oferta inclúe, ademais, clases infantís de patinaxe no Roxal. En conxunto, o programa suma arredor de 30 horas semanais de actividades, que se desenvolven tanto no centro cívico, en quendas de mañá e tarde, como na casilla do Puntal.
Últimas prazas nos talleres para maiores
As actividades de benestar social tamén comezan o curso cunha boa participación. Case 30 persoas maiores están inscritas nas propostas de estimulación cognitiva, pensadas para exercitar a memoria, manter as capacidades mentais e favorecer a convivencia.
Aínda que a demanda é elevada, quedan algunhas vacantes nun dos talleres de memoria que se imparten na biblioteca municipal e no obradoiro 'Mentes activas', que ten lugar no Puntal.
As persoas interesadas en anotarse poden acudir ao centro cívico de Neda durante os días lectivos, en horario de 9.30 a 12.30 horas, ata cubrir as prazas dispoñibles.