O programa Respira Cedeira abre a inscrición para as súas rutas de natureza

FerrolXa
A iniciativa inclúe seis percorridos gratuítos entre o 24 de outubro e o 8 de novembro para descubrir a biodiversidade da Serra da Capelada e fomentar a concienciación ambiental
CEDEIRA respira cedeira rutas
20 Oct 2026

O Concello de Cedeira abriu o prazo de inscrición para participar nas primeiras actividades de Respira Cedeira, un programa que promove o coñecemento e a posta en valor dos recursos naturais, culturais e mariñeiros do municipio a través de rutas temáticas pola súa contorna litoral.

A iniciativa combina as actividades na natureza coa divulgación e a sensibilización ambiental, co obxectivo de achegar á cidadanía os valores que distinguen o territorio e fomentar unha maior conciencia sobre a importancia de conservar os seus ecosistemas. O proxecto aborda diferentes temáticas, entre elas a biodiversidade, as repercusións das accións humanas sobre o medio ambiente, a actividade mariñeira e o patrimonio vinculado ao mar.

A primeira parte do programa estará centrada na flora, na fauna e nos valores ambientais da Serra da Capelada. Entre o 24 de outubro e o 8 de novembro desenvolveranse seis rutas guiadas por diferentes espazos do municipio, con percorridos e niveis de dificultade variados. As persoas participantes poderán descubrir a riqueza paisaxística da contorna, afondar no coñecemento das especies e dos ecosistemas locais e reflexionar sobre cuestións relacionadas coa conservación ambiental e a contaminación.

Todas estas actividades, impulsadas polo Concello, serán gratuítas, aínda que requirirán inscrición previa e contarán con prazas limitadas. O prazo xa está aberto e as solicitudes atenderanse por rigorosa orde de inscrición. A praza só quedará confirmada tras recibir unha comunicación expresa da organización.

O patrimonio mariñeiro protagonizará a seguinte fase

Respira Cedeira continuará cunha segunda programación de rutas temáticas sobre a actividade mariñeira e o patrimonio do mar, cuxo prazo de inscrición se anunciará proximamente. Estas actividades permitirán achegarse a espazos singulares vinculados á memoria mariñeira local e coñecer mellor a relación histórica, social e económica da localidade co mar.

A programación prevista inclúe dous percorridos polo porto e pola zona do Castro de Sarridal, os días 5 e 6 de novembro ás 16.30 horas, así como dúas edicións da ruta Cedeira Mariñeira, os días 7 e 8 de novembro ás 11.00 horas.

Con esta proposta, o Concello busca contribuír a dar visibilidade aos sectores pesqueiro e marisqueiro, especialmente entre as novas xeracións, poñer en valor os produtos locais e destacar a importancia da profesionalización e do relevo xeracional. O programa pretende así reforzar o vínculo da cidadanía co territorio e favorecer o coñecemento dos recursos naturais e culturais que forman parte da identidade local.

Un proxecto financiado con fondos europeos

O programa de rutas enmárcase no proxecto promovido polo Concello de Cedeira 'Respira Cedeira: Descubrindo a riqueza do litoral a través dun programa de rutas tematizadas'.

A iniciativa está financiada pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través das axudas xestionadas polo GALP A Mariña-Ortegal.

0.14872694015503