O Puntal acolle un curso municipal para previr accidentes no fogar e aprender primeiros auxilios

O local social do Puntal, en Neda, acolle desde este martes un curso municipal de prevención de riscos no fogar e primeiros auxilios dirixido ás persoas maiores. Unha decena de veciñas e veciños inscribíronse nesta proposta formativa, impulsada polo Concello co apoio da Deputación da Coruña e enmarcada nas actividades de envellecemento activo.
A iniciativa desenvolverase ao longo deste mes, con sesións os martes e xoves a partir das 16.00 horas. O seu obxectivo é axudar a identificar os perigos máis habituais nas vivendas e ofrecer ferramentas para evitar accidentes domésticos, así como mellorar a seguridade e o benestar das persoas participantes.
Ao longo das oito sesións previstas abordaranse diferentes situacións de risco e ofreceranse recomendacións para previr incidentes que, especialmente entre a poboación de máis idade, poden ter consecuencias graves. Ademais, as persoas asistentes recibirán pautas sobre como actuar ante unha emerxencia e aprenderán nocións básicas de primeiros auxilios.
O programa tamén inclúe contidos relacionados co manexo seguro dos medicamentos e a prevención de intoxicacións, entre outras cuestións vinculadas á seguridade no fogar.