O Remo Cedeira logra un sexto posto no Campionato de España de yolas e reafírmase como único representante galego

FerrolXa
O equipo de veteráns competiu en Sevilla nunha cita nacional que reuniu 70 tripulacións de 20 clubs de sete comunidades autónomas
CEDEIRA club de remo veteranos
23 Nov 2026

O Remo Cedeira pechou a súa participación no Campionato de España de yolas, celebrado esta fin de semana en Sevilla, cun sexto posto para o seu equipo de veteráns. O club cedeirés foi o único representante galego nunha competición que reuniu 70 tripulacións de 20 clubs procedentes de sete comunidades autónomas.

A cita disputouse no Centro Especializado de Alto Rendemento da Cartuja, na dársena do Guadalquivir, coa modalidade de yola a catro con timoneiro nas categorías cadete, xuvenil, absoluta e veterana, tanto masculina como feminina, ademais da categoría mixta de veteráns.

O campionato desenvolveuse durante dúas xornadas, con eliminatorias e repescas o sábado e semifinais e finais o domingo. As distancias variaron en función das categorías, desde os 1.000 metros dos veteráns ata os 2.000 metros das categorías xuvenil e absoluta.

Desde o club cedeirés valoraron a experiencia e o resultado conseguido, destacando que continúan 'a sumar paladas facendo o que sabemos REMAR'. A participación en Sevilla supón un novo reto para os veteráns do Remo Cedeira, que volveron competir nunha cita nacional e representaron ao remo galego nun campionato de alto nivel.

O Real Círculo de Labradores de Sevilla foi o principal protagonista da competición ao liderar o medalleiro, seguido do Club Náutico Sevilla e do Real Club Regatas de Alicante.

0.18168711662292