O saneamento chega a máis vivendas de Cabanas coa ampliación da rede na zona de A Veiga-Batán

FerrolXa
O Concello completa a terceira fase da actuación cun investimento de case 50.000 euros financiado a través do POS+2/2024
CABANAS rede auga
17 Sep 2026

O Concello de Cabanas completou as obras correspondentes á terceira fase do saneamento de A Veiga-Batán, unha actuación que permitirá estender este servizo básico a máis vivendas da zona que ata agora non dispoñían del.

Os traballos supuxeron un investimento de case 50.000 euros financiado coa axuda da Deputación da Coruña.

Novas tubaxes e conexión coa rede existente

A actuación incluíu a instalación das diferentes tubaxes de saneamento, así como a súa conexión coa rede xa existente. O proxecto tamén contemplou a colocación dunha bomba de impulsión e o soterramento da liña eléctrica encargada de subministrar enerxía á infraestrutura.

Esta intervención corresponde á fase III do proxecto de ampliación do saneamento de A Veiga-Batán e permite continuar coa extensión dunha infraestrutura básica a diferentes puntos do municipio.

O Concello destaca a mellora dos servizos básicos

O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, destacou a prioridade do Concello na prestación e mellora dos servizos básicos e puxo en valor a importancia dunha actuación pola súa dimensión.

O rexedor lembrou tamén outras intervencións realizadas nos últimos meses, como a ampliación da rede de saneamento en A Barrosa ou a extensión da rede de abastecemento de auga en O Salgueiral.

O Concello sinala, ademais, que está a traballar na previsión de novos soterramentos e na incorporación de novos servizos a través de diferentes proxectos que xa están redactados ou en fase de tramitación

0.096817016601562