O SendAres abre a inscrición para unha ruta circular de 11 quilómetros entre Ares e Cervás

FerrolXa
A saída será o domingo 15 de novembro, terá dificultade baixa e un prezo de cinco euros; as prazas están limitadas a 25 participantes
ARES ruta 2
5 Nov 2026

O programa municipal de sendeirismo SendAres 2026-2027 prepara unha nova saída polo litoral de Ares. A segunda ruta desta tempada será un percorrido circular de 11 quilómetros entre Ares e Cervás, para o que o Concello xa abriu o prazo de inscrición.

A actividade terá lugar o domingo 15 de novembro, con saída ás 9:00 horas desde a Praza da Igrexa de Ares e regreso previsto arredor das 13:00 horas. O itinerario presenta unha dificultade baixa e un desnivel de aproximadamente 100 metros, polo que está pensado para persoas que queiran gozar dunha camiñada sen grandes esixencias físicas.

A ruta permitirá descubrir diferentes puntos de interese da costa aresá, entre eles a Punta do Castelo, as calas de Estacas e A Barrosa, o miradoiro do Blue Star e o Castro de Santa Mariña. O percorrido chegará ata a Cova dos Mouros e continuará de volta polo interior, atravesando Lubre, ata regresar ao punto de partida.

Inscricións e prazas limitadas

A participación ten un custo de cinco euros e está limitada a 25 persoas. As inscricións poden formalizarse a través do formulario habilitado polo Concello.

Esta será a segunda actividade da programación SendAres 2026-2027, que combina saídas polo municipio con outros itinerarios por espazos naturais de Galicia para promover o sendeirismo e o coñecemento da contorna.

0.16226601600647