O servizo de lacería da Mancomunidade de Ferrol tramitou en setembro 34 adopcións de animais

FerrolXa
Das entradas rexistradas durante o mes, 16 estaban identificados con microchip, unha ferramenta fundamental para localizar as súas familias e facilitar o seu regreso ao fogar
VILARMAIOR adopción cans
16 Oct 2026

O servizo de lacería da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, xestionado por Servigal desde o pasado mes de agosto, pechou setembro cun balance de 34 adopcións e 31 animais recuperados polas súas familias. Os datos, recollidos no informe mensual do servizo, reflicten a intensa actividade desenvolvida no refuxio de Mougá, tanto na recollida e atención dos animais como na promoción das adopcións, a recuperación de animais perdidos e a xestión das colonias felinas da comarca.

Durante o mes de setembro, o servizo recolleu 58 animais da vía pública: 34 cans e 24 gatos. A esta cifra súmanse outros 13 animais entregados directamente no centro, tres cans e dez gatos.

Das entradas rexistradas durante o mes, 16 animais estaban identificados con microchip, unha ferramenta fundamental para localizar as súas familias e facilitar o seu regreso ao fogar.

Ao peche de setembro, o refuxio de Mougá albergaba 125 animais, dos que 72 eran cans e 53 gatos, o que pon de manifesto a importancia de manter unha atención constante e de seguir impulsando as adopcións responsables.

As adopcións e os retornos aos seus fogares constitúen dous dos principais indicadores da actividade do servizo. En setembro formalizáronse 34 adopcións e 31 animais puideron regresar cos seus propietarios.

Desde a posta en marcha da nova xestión, o número acumulado de adopcións ascende a 65. Este balance acompáñase dun reforzo das accións de difusión dos animais que buscan fogar, cunha maior presenza nas redes sociais e unha estratexia de comunicación continuada para mellorar a súa visibilidade e ampliar as posibilidades de adopción.

O obxectivo é facilitar que os animais aloxados no refuxio atopen unha familia, ao tempo que se favorece a recuperación daqueles que se perderon e se promove a tenza responsable.

ATENCIÓN ÁS COLONIAS FELINAS

A atención ás colonias felinas continúa a ser unha das principais liñas de actuación. Durante setembro realizáronse capturas de 68 gatos no marco das intervencións desenvolvidas nestas colonias.

Os traballos incluíron actuacións de identificación, esterilización e atención veterinaria, así como tratamentos e seguimento dos animais que precisan coidados específicos. O informe recolle nove animais capturados que xa estaban esterilizados e un balance de 48 animais que permanecían nas instalacións tras as intervencións realizadas durante o mes.

Estas actuacións forman parte do traballo de control e seguimento das colonias felinas, que inclúe tamén o retorno dos animais ao seu lugar de procedencia cando as súas condicións sanitarias o permiten.

A actividade do servizo estendeuse durante setembro aos nove concellos integrados na Mancomunidade: Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.

En agosto recolleranse 80 animais da vía pública, fronte aos 58 contabilizados en setembro. No conxunto dos dous meses, o servizo suma 138 animais recollidos, dos que 91 son cans e 47 gatos.

Estes datos poñen de relevo a importancia da coordinación cos concellos e cos servizos de Policía Local para atender as incidencias, organizar as recollidas e garantir unha resposta eficaz ás necesidades dos animais.

0.17123103141785