O turismo sénior medra en Ares, que supera as 3.200 persoas atendidas durante o verán

Ares consolídase como destino tamén para o turismo de máis idade. Os visitantes maiores de 60 anos aumentaron notablemente durante o pasado verán, cun crecemento do 32 % entre os homes e do 16 % entre as mulleres. A accesibilidade, a orografía chaira e a comodidade do núcleo urbano figuran entre os factores que explican o atractivo da vila para este perfil de viaxeiros.
Así o recolle o balance da Oficina de Información Turística, que atendeu 3.218 persoas entre o 8 de xuño e o 25 de setembro, un 1,8 % máis que no mesmo período de 2025. En total, o servizo rexistrou 1.634 consultas sobre o municipio e a súa contorna, cunha maioría de visitantes procedentes doutras localidades galegas e da Comunidade de Madrid.
Agosto foi o mes de maior afluencia, mentres que entre os principais motivos de consulta destacaron os atractivos turísticos de Ares e do Xeodestino Ferrolterra Rías Altas. O Ares Indiano e a programación cultural do VeraneAres estiveron tamén entre as propostas que máis interese espertaron.
As bicicletas eléctricas, a novidade máis demandada
Un dos aspectos destacados desta tempada foi a incorporación de bicicletas eléctricas ao servizo municipal BicicletAres, coordinado coa Concellaría de Deportes. Estes vehículos concentraron 36 dos 79 préstamos realizados durante o verán, converténdose na opción máis solicitada polos usuarios.
A actividade turística estendeuse tamén ata o porto de Redes, onde o Alboio de Quinín recibiu 78 visitantes interesados na tradición mariñeira e na contorna da vila. Ademais, o persoal técnico promocionou o Ares Indiano no certame Equiocio, celebrado en Covas.
O balance recolle tamén o interese dos visitantes por dous recursos que non puideron ofrecerse esta tempada por causas de forza maior: as rutas en barco pola ría a bordo do M. Presas e as visitas ao interior do Mosteiro de Santa Catalina.
A concelleira de Turismo, Lucía Blanco, valorou positivamente os datos e destacou que a evolución confirma o atractivo de Ares para distintos perfís de visitantes, así como a incorporación de novas propostas sostibles á oferta municipal.