O vehículo da Policía Nacional expedirá e renovará DNI e pasaportes en Monfero o 5 de novembro

FerrolXa
A unidade móbil estará xunto á Casa do Concello e permitirá realizar os trámites sen desprazarse a outras localidades; os documentos entregaranse no momento
RENOVAR DNI
2 Nov 2026

O servizo móbil de documentación da Policía Nacional volverá visitar Monfero este xoves, 5 de novembro, para facilitar a expedición e renovación do DNI e do pasaporte. O vehículo integral de documentación (VIDOC) instalarase xunto á Casa do Concello e permitirá realizar estes trámites no propio municipio, evitando que as persoas interesadas teñan que desprazarse a outras localidades.

A atención realizarase mediante cita previa, que se pode solicitar directamente nas dependencias municipais ou chamando ao teléfono 981 79 38 85. Unha das vantaxes deste dispositivo é que os documentos se entregan de maneira inmediata, polo que as persoas usuarias poderán completar o proceso nunha única visita.

Para renovar ou expedir o DNI será necesario levar o documento anterior e unha fotografía recente de tamaño carné. O importe do trámite é de 12 euros, que deberán aboarse en efectivo.

No caso do pasaporte, as persoas solicitantes deberán presentar o DNI en vigor e unha fotografía recente de tamaño carné. A taxa establecida é de 30 euros, tamén en efectivo.

A iniciativa permite achegar os servizos de documentación á veciñanza do rural e reducir os desprazamentos necesarios para realizar xestións administrativas. O Concello anima as persoas que necesiten renovar ou obter algún destes documentos a solicitar cita con antelación.

0.16214108467102