O Xeoparque Cabo Ortegal abre unha consulta pública para definir o seu futuro Plan Director

O Xeoparque Mundial UNESCO Cabo Ortegal abriu unha consulta pública para recoller a opinión da cidadanía e dos distintos axentes do territorio de cara á elaboración do seu Plan Director. A iniciativa pretende coñecer que aspectos consideran prioritarios, cales son os principais retos e oportunidades para o futuro do xeoparque e como pode contribuír mellor ao desenvolvemento da comarca.
A enquisa está dirixida a veciños, entidades, empresas e colectivos vinculados ao territorio, co obxectivo de incorporar diferentes perspectivas á planificación das futuras liñas de actuación do xeoparque.
Desde o organismo animan a participar neste proceso de consulta e destacan que completar o cuestionario apenas levará uns minutos. A participación permitirá recoller propostas e opinións que contribúan a construír unha folla de ruta para o futuro do Xeoparque Cabo Ortegal.
O Plan Director servirá para definir as prioridades e orientar o traballo do xeoparque nos próximos anos, tendo en conta tanto a conservación e divulgación do patrimonio xeolóxico como as oportunidades de desenvolvemento do territorio.
A consulta pública está dispoñible a través dun formulario en liña.