O Xeoparque Cabo Ortegal afronta a avaliación da UNESCO para renovar o seu recoñecemento internacional

GaliciaXa | FerrolXa
Os avaliadores da UNESCO visitaron San Sadurniño para coñecer espazos naturais, patrimoniais e proxectos locais vinculados ao territorio
SAN SADURNIÑO castillo narahío
Castelo de Narahío, por Noelia Uceira
29 Jul 2026

O Xeoparque Cabo Ortegal afronta estes días a revisión da UNESCO para revalidar durante outros catro anos a súa condición de Xeoparque Mundial. No marco deste proceso, os avaliadores internacionais visitaron este martes San Sadurniño para coñecer algúns dos principais recursos xeolóxicos, naturais e patrimoniais do municipio.

No marco desta misión, os avaliadores desprazáronse este martes ata San Sadurniño, onde percorreron algúns dos espazos máis representativos do municipio. Entre eles figuran o Pico de Ferreira, o castelo de Naraío, a Casa do Concello e a contorna da Cortiña, que concentra recursos como a horta de conservación de froiteiras, o arboreto, a Fraga Máxica e o colmear didáctico.

A visita tamén serviu para manter encontros con entidades asociativas e iniciativas empresariais do territorio, co obxectivo de coñecer o seu papel dentro do proxecto do Xeoparque. A implicación da poboación local, do tecido asociativo e das empresas é un dos aspectos que a UNESCO ten en conta nestas avaliacións, nas que non só se analiza o patrimonio xeolóxico, senón tamén a súa conservación, divulgación e capacidade para impulsar un desenvolvemento sostible.

A revalidación do distintivo suporía manter o recoñecemento internacional obtido polo Xeoparque Cabo Ortegal e reforzar a súa proxección como destino de turismo científico e de natureza, ademais de consolidar o traballo desenvolvido polos municipios e entidades que integran este proxecto compartido.

0.096259832382202