O Xeoparque Cabo Ortegal estrea unha previsión meteorolóxica diaria para planificar as visitas ao territorio

FerrolXa
O xeógrafo e agricultor local José Manuel Sierra Pernas será o responsable dos boletíns, adaptados ás características dos sete concellos que integran o Xeoparque
VALDOVIÑO xeoparque
Imaxe de Noelia Uceira
2 Sep 2026

O Xeoparque Cabo Ortegal incorpora á súa páxina web un novo servizo de previsión meteorolóxica diaria pensado especificamente para o territorio que forman os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

A nova sección ofrecerá información meteorolóxica local elaborada por José Manuel Sierra Pernas, xeógrafo e agricultor da zona, coñecido como Chema de Couzadoiro. Os boletíns permitirán coñecer a evolución prevista do tempo con información adaptada ás particularidades deste territorio.

O obxectivo é facilitar a planificación das actividades ao aire libre e contribuír a que visitantes e afeccionados á natureza poidan gozar do Xeoparque con maiores garantías de seguridade. Deste xeito, a previsión poderá consultarse antes de realizar rutas de sendeirismo, visitar espazos naturais ou participar noutras experiencias na zona.

Con esta incorporación, o Xeoparque Cabo Ortegal continúa ampliando os recursos dispoñibles para facilitar unha visita máis planificada e segura, ofrecendo información actualizada antes de iniciar calquera actividade no territorio.

A previsión meteorolóxica diaria xa pode consultarse na páxina web do Xeoparque.

0.073863983154297