O Xeoparque Cabo Ortegal participa na 18ª Conferencia Internacional de Xeoparques Europeos

FerrolXa
José Miguel Alonso Pumar e Francisco Canosa representan o territorio nun encontro que reúne a máis de 115 xeoparques de preto de 30 países
XEOPARQUE cabo ortegal
17 Sep 2026

O Xeoparque Cabo Ortegal está presente esta semana na cidade finlandesa de Lappeenranta, onde se celebra, do 16 ao 18 de setembro, a 18ª Conferencia Internacional de Xeoparques Europeos, un encontro de referencia para o intercambio de experiencias entre os territorios integrados na Rede Europea de Xeoparques.

A conferencia, que se celebra cada dous anos, reúne nesta edición representantes de máis de 115 xeoparques de preto de 30 países, consolidándose como un dos principais puntos de encontro para compartir experiencias arredor destes territorios.

A representación do Xeoparque Cabo Ortegal corre a cargo de José Miguel Alonso Pumar e Francisco Canosa, xerente e director científico da entidade, respectivamente, que participan ao longo destes días nas sesións de traballo, relatorios e actividades programadas.

Conservación, divulgación e desenvolvemento sostible

O encontro reúne representantes e profesionais de xeoparques de diferentes puntos de Europa para abordar cuestións de relevancia para o presente e o futuro destes territorios.

O obxectivo é poñer en común coñecementos, experiencias e proxectos que permitan avanzar no papel dos xeoparques como espazos de conservación, divulgación, educación e desenvolvemento sostible, ademais de reforzar a colaboración entre os territorios que forman parte da rede.

Durante as dúas primeiras xornadas, o programa contempla charlas, presentacións e obradoiros que permitirán coñecer iniciativas desenvolvidas nos diferentes xeoparques.

A terceira xornada terá, pola súa banda, unha dimensión práctica, xa que as persoas participantes realizarán unha saída de campo polo Xeoparque Mundial da UNESCO Saimaa, para coñecer de primeira man o seu patrimonio xeolóxico e natural.

17 dos 18 xeoparques españois participan no encontro

A presenza española é especialmente destacada nesta edición, xa que participan 17 dos 18 xeoparques españois que actualmente forman parte da Rede Europea de Xeoparques.

Esta representación permite reforzar a colaboración e a coordinación entre os territorios españois e contribúe a dar maior visibilidade ao traballo desenvolvido nos diferentes xeoparques.

Os representantes do Xeoparque Cabo Ortegal valoraron moi positivamente a experiencia e destacaron que se trata dunha 'gran oportunidade para intercambiar experiencias e crear lazos con outros territorios comprometidos cun modelo de desenvolvemento sostible ligado ao territorio'.

0.11248111724854