Odeón volve dar unha segunda vida á roupa usada cunha nova campaña solidaria en Narón

A roupa que xa non se utiliza pode ter unha segunda oportunidade. O Centro Comercial Odeón puxo en marcha este mércores a quinta edición da campaña Re-Fashion, unha iniciativa que permitirá recoller prendas usadas para darlles un novo uso e colaborar co Centro de Recursos Solidarios (CRS) de Narón.
A campaña está activa desde hoxe na primeira planta de Odeón. As persoas que queiran participar só teñen que levar as prendas que xa non utilicen e depositalas no colector habilitado no corredor central, diante das escaleiras civís.
A recollida permanecerá aberta ata o próximo 6 de outubro.
Parte da roupa chegará a familias do CRS
Unha vez recollidas, as prendas serán trasladadas ás instalacións do Centro de Recursos Solidarios. Unha parte será entregada directamente ás persoas usuarias desta entidade, mentres que o resto seguirá un proceso de reciclaxe para evitar que termine como residuo.
Para esta segunda vía, a campaña conta coa colaboración de Insertega, empresa que trabaja xunto ao Concello de Narón na recuperación e transformación de roupa. Os materiais poden converterse en novas pezas ou mesmo en mobiliario, ampliando así a súa vida útil.
A presentación desta quinta edición contou coa participación da concelleira de Turismo de Narón, Natalia Hermida; do presidente do Centro de Recursos Solidarios, José Manuel González; e da xerente de Odeón, Cristina Imaz.
A iniciativa combina deste xeito a vertente solidaria coa ambiental, ao facilitar que roupa que xa non se utiliza poida chegar a persoas que a necesitan ou transformarse en novos produtos mediante a reciclaxe téxtil.