Ortigueira acollerá unha xornada sobre o futuro da enerxía eólica e as oportunidades para as comunidades locais

O local social da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de San Adrián, en Ortigueira, será escenario o sábado 21 de novembro dunha xornada centrada no futuro da enerxía eólica e nas posibilidades de participación das comunidades locais. Baixo o título "Máis alá dos parques eólicos: comunidades e territorio", a actividade desenvolverase entre as 10.30 e as 13.15 horas e enmárcase no proxecto de cooperación Redenerxía.
A iniciativa pretende crear un espazo de intercambio no que compartir experiencias, resolver cuestións e coñecer novas oportunidades relacionadas coa transición enerxética. Un dos seus principais obxectivos será conectar os procesos de repotenciamento dos parques eólicos co impulso de proxectos enerxéticos de carácter comunitario, explorando as posibilidades que estas actuacións poden ofrecer aos territorios.
O programa comezará ás 10.30 horas coa benvida e presentación de Miguel Teixido, de GDR Seitura 22. Vinte minutos despois, Xavier Simón, do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), abordará os motivos para avanzar neste tipo de iniciativas.
A continuación exporanse dúas experiencias prácticas. A primeira, ás 11.00 horas, centrarase no repotenciamento de oito muíños da CMVMC da Serra do Cando, coa participación de Enrique Gil Santos, presidente da comunidade de montes de Covelo. Ás 11.20 horas será a quenda das comunidades de montes e das iniciativas enerxéticas, con intervencións de Fernando Malvar, da Comunidade Enerxética de Buchabade, e Samuel Sestelo, da Comunidade Enerxética de Portabouza.
Despois dunha pausa para o petisco, prevista para as 11.50 horas, a programación continuará ás 12.10 cun debate aberto sobre o paso do repotenciamento ás oportunidades comunitarias. A conversa estará moderada por Redenerxía e partirá das preguntas e cuestións recollidas previamente entre asociacións e comunidades de montes dos territorios de Seitura, Ulla Tambre Mandeo, Mariña Lucense e Terra Chá.
A sesión concluirá ás 13.00 horas cunha intervención de peche a cargo de José Valentín Calviño Fondevila, alcalde de Ortigueira, e Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a inscrición a través da axenda da iniciativa, dispoñible na páxina web www.redenerxia.gal/axenda. A xornada está organizada por Redenerxía, coa colaboración do Observatorio Eólico de Galicia e do Concello de Ortigueira, entre outras entidades.