Ortigueira convoca un concurso de cabazas decoradas con cinco categorías de premios

A Asociación de Comercio e Hostalaría de Ortigueira (ACO), coa colaboración do Concello, organiza un concurso de cabazas decoradas con motivo do Samaín. A convocatoria está aberta á participación individual de veciños e veciñas de todas as idades e establece tres categorías por franxas de idade, ademais de dous recoñecementos específicos para colectivos locais.
O certame contempla un premio para os participantes de entre 3 e 7 anos, outro para a categoría de 8 a 16 anos e un terceiro para maiores de 16 anos e persoas adultas. A estes galardóns súmanse o Premio Aspromor e o Premio da Residencia de Persoas Maiores Dolores Díaz Dávila. Ademais, todas as persoas participantes recibirán un agasallo.
As obras deberán realizarse sobre cabazas naturais, que poderán estar talladas ou pintadas e presentarse baleiras ou sen baleirar. O prazo de entrega estará aberto os días 4, 5 e 6 de novembro, en horario de 9.30 a 14.30 horas, na Oficina de Turismo de Ortigueira.
Cada cabaza deberá entregarse acompañada dun sobre pechado co nome da persoa participante e un teléfono de contacto. No exterior deberán figurar a idade do concursante e o título da obra.
Exposición e entrega de premios o 7 de novembro
Todas as creacións participantes estarán expostas o sábado 7 de novembro no primeiro andar do Mercado Municipal de Ortigueira. Nese mesmo lugar, o xurado designado por ACO deliberará e dará a coñecer o seu fallo, que terá en conta a orixinalidade e a creatividade das propostas en cada categoría.
A entrega de premios celebrarase ás 20.00 horas. As persoas que resulten gañadoras deberán estar presentes para recoller o galardón; se non acoden, o premio pasará á seguinte obra mellor valorada. No caso dos menores de idade, será necesario acudir acompañados dun titor ou titora.
A relación de persoas premiadas publicarase na páxina oficial de Facebook de ACO, xunto coas fotografías das cabazas presentadas. Unha vez rematada a entrega de premios, os participantes deberán recoller as súas obras.