Ortigueira gañará unha nova senda peonil ata o aparcadoiro do Festival do Mundo Celta

Ortigueira contará cunha nova senda peonil que conectará o núcleo urbano co aparcadoiro do Festival Internacional do Mundo Celta. As obras xa están en marcha e teñen un investimento de 400.000 euros e un prazo de execución de seis meses, polo que está previsto que o percorrido estea operativo a principios do vindeiro ano.
O novo itinerario terá aproximadamente medio quilómetro e permitirá realizar a pé un traxecto que ata agora se facía pola beiravía da AC-862, mellorando así as condicións de seguridade para as persoas que se desprazan entre o núcleo urbano e esta zona.
A senda contará cun percorrido continuo e estará integrada na contorna, de maneira que poida ser utilizada durante todo o ano tanto pola veciñanza como polas persoas que visitan a zona, especialmente durante a celebración do Festival do Mundo Celta, que cada verán atrae a milleiros de asistentes.
A actuación tamén contempla a instalación de balizas de iluminación, co obxectivo de mellorar a visibilidade e facilitar os desprazamentos cando hai menos luz.
As obras forman parte do Plan de Sendas de Galicia, aínda que o principal obxectivo desta intervención en Ortigueira é ofrecer unha alternativa máis segura para os desprazamentos a pé nun tramo no que actualmente os peóns deben utilizar a beiravía da estrada.